[Panfleto] O drama da vivenda só acabará ca fin do capitalismo

Descargar o panfleto para imprimir
Hai poucas cousas máis violentas que o que te expulsen da túa propia casa, ou ter que marchar dela para que evitar que o fagan. Tamén é violento tardar unha ou dúas horas en chegar ao traballo ou vivir con descoñecidos nunha habitación de alugueiro. Ou non saber nunca cando chegará a seguinte subida que che obrigue a deixar o piso. Dinnos que a vivenda é un dereito, pero os dereitos concédeos o Estado e este problema non o pode resolver ningún goberno, sexa da cor que sexa. Quen nos tenta convencer de que votando a uns ou a outros podemos acabar co encarecemento dos medios de vida, o paro e a precariedade, sinxelamente méntenos. Os Estados son parte do problema, non da solución.
A situación dramática que vivimos ca vivenda é un problema para a nosa clase a nivel mundial: Reino Unido, Francia, China, Estado Unidos, por todas partes afógannos por querer ter un teito. Mentres, a inflación supera con moito a magra subida de salarios e estes iguálanse á baixa: o salario máis frecuente está xa moi preto do salario mínimo.
No capitalismo, o traballo non se organiza ao redor das persoas senón ao revés: os investimentos concéntranse nas grandes urbes e nós, o proletariado, a man de obra, apiñámonos nelas ca esperanza de poder obter un salario estable. Os alugueiros soben nas cidades que van ben, porque é onde está o traballo. Tamén soben nas cidades que, como lles vai menos ben, se venden como mercadorías turísticas ao mellor ofertante. Só nas zonas deprimidas economicamente, como esa España baleirada, o prezo da vivenda mantense ou descende lixeiramente.
Esta tendencia é imparable, e acelérase conforme avanza a crise do capitalismo: canto máis traballo expulsa a automatización da economía, maior é a concentración de quen busca emprego nas grandes cidades. O teito do alugueiro só reduce a oferta de vivendas e aumenta o seu prezo. A construción de vivenda pública non pode ter un gran impacto na oferta e, de telo, tan só sería temporal: uns prezos máis baixos chamarían de volta a quen xa foron expulsados a confínelos da área metropolitana. A regulación contra as subidas “abusivas” dos alugueiros apenas toca a superficie do drama da vivenda, porque as subidas “non abusivas” compásanse co descenso dos salarios e o aumento do paro, os desafiuzamentos e as infravivendas.
PSOE, Podemos, Sumar, Más Madrid, CCOO, UGT: os mesmos que sancionan e maquillan a precariedade coa reforma laboral, os mesmos que aumentan a idade de xubilación ás ocultas e que queren “flexibilizar” as baixas laborais para seguir traballando enfermos, dinnos que van resolver o problema da vivenda. Pero eles son parte do problema, e non son dereitos, senón represión o que nos aplican cando nos rebelamos contra el.
O drama da vivenda cos seus desafiuzamentos, suicidios, persoas sen casa ou eternamente na casa familiar só acabará se desenvolvemos a loita polas nosas necesidades inmediatas de forma unida, como una mesma clase, autoorganizada e cunha perspectiva internacional e internacionalista. Isto non se pode provocar artificialmente, nin tampouco se pode facer cun movemento parcial pola vivenda. Para cambiar algo teremos que cambialo todo. Farémolo mediante movementos masivos de clase que non podemos desencadear a vontade, senón que estalan polas contradicións históricas do sistema. E ao mesmo tempo, para que estes estalidos triunfen deben atoparnos preparados: preparados para emprender non a demanda de reformas ou dereitos, senón unha loita revolucionaria contra o Estado, o capital e os seus xestores.