LOADING

Type to search

Galego Other languages

[Panfleto] ByA y Barbaria – Ó carallo co Parlamento e as súas leis Por un verdadero movimiento autónomo del proletariado.

acampada sol vivienda

Descargar o panfleto en pdf

 

Estas últimas semanas, a brutalidade do capital fíxose notar en toda a súa crueza co suicidio dunha muller desafiuzada e o terrible desaloxo doutra. Atopándose nun mar de agresións e familias que son privadas dos seus precarios fogares, estes acontecementos requentan un clima social xa moi cargado por un continuo de miserias e represión por parte dos políticos-xestores dos intereses dos ricos.

Todo isto desencadeou mobilizacións onde conxugan un cansazo e preocupación xeral real da gran maioría traballadora, ca dirección política e sindical que basea a súa actuación en cambios lexislativos e esperanzas parlamentarias, con ou sen «presión dende as rúas».

Partimos de que ditos cambios son irreais. O propio sistema que xera a miseria non pode, nin inda que quixese, frear un mecanismo automático que responde ás súas propias leis de acumulación mercantil. Por moito que o neguen os reivindicadores de dereitos mortos, neste sistema rexido polo diñeiro, a vivenda – e con ela todas as necesidades humanas- é unha mercadoría, e seguirá sendo así mentres vivamos baixo as botas deste sistema.

Fronte ás mobilizacións que se están a dar, con Sol coma epicentro das mesmas, debemos formular tres cuestións básicas e necesarias para empezar a falar dun movemento real de clase:

  1. O problema da vivenda é un máis entre moitos, e tan agraviante coma todos. A suba brutal e imparable dos prezos, o traballo precario e cambiante con salarios que non garanten nin a subsistencia, a represión dos migrantes e a poboación en xeral, unha dereita e unha esquerda que se reparten o traballo para xestionar e reproducir diariamente a nosa pobreza… todos eles forman parte dun mesmo problema: as relación sociais que se nos impoñen, ou sexa, o capitalismo.
  2. As loitas separadas contra este ou outro fenómeno e que non se pensen a súa unidade están condenadas á derrota. Nestes intres hai loitas e folgas –como a do persoal docente da Comunidad de Madrid- cuxa confluencia cas mobilizacións da vivenda son necesarias para dar un senso xeral á loita.

Moitas veces enténdense as actuais mobilizacións coma unha superación do 15M. A diferencia destas, o 15M partía dunha visión xeral onde cabían todas as problemáticas nunha mesma, inda que isto non fose algo consciente en todo momento. Isto caracteriza a todo movemento de clase, incluso ós máis débiles: a extensión e xeneralización dos seus fins. Para que estas mobilizacións se convertan de verdade nun movemento de clase, para que superen de verdade os límites ciudadanistas do 15M e demostren que aprendemos das nosas derrotas, é imprescindible que se estendan e se xeneralicen, e que conflúan cas distintas loitas que xordan a nivel estatal e internacional. Isto non pode ser forzado con consignas nin con fórmulas organizativas. Só o lograremos se superamos a lóxica das demandas parciais, que nos separan os uns dos outros, e imos á raíz común dos nosos problemas.

  1. Pero isto non servirá de nada se non temos as rendas do noso propio movemento. É fundamental que a loita sexa dirixida e orientada dende as propias asembleas, que as asembleas se convertan nos órganos da loita autónoma do proletariado e que non permitan que ninguén decida por elas o curso a seguir. Porque son o espazo unitario dende onde se pensa, se organiza e se actúa, todo ó mesmo tempo. Con elas evitamos que a nosa actividade sexa dirixida por organismos partidarios e sindicais que teñen os seus propios intereses.

Debemos aprender da capacidade que tiveron os sindicatos para deter a folga de Airbus, pese a oposición de moitos traballadores e traballadoras nas asembleas. Sen asembleas territoriais con capacidade decisoria, que organicen o movemento e expresen a potencia unitaria da nosa clase, calquera convocatoria de folga xeral non será máis que a enésima repetición das procesións sindicais, feita para converter ós vendeobreiros, os mesmos que sancionan a nosa precariedade ca reforma laboral e a nosa miseria ca reforma das pensións , nos lexítimos representantes da «presión popular» ó goberno. Non queremos a folga xeral de CCOO e UGT, aplaudida pola esquerda e extrema esquerda do capital. Queremos a folga de masas dirixida polas asembleas territoriais, as únicas células que poden compoñer un verdadeiro movemento masivo que supere a violencia e as condicións de miseria ás que nos somete este sistema.

Mentres non nos fagamos cargo das nosas loitas, sen intermediarios, sen deixala en mans de políticos e sindicalistas, sen ningunha confianza en leis e parlamentos, só podemos ir de decepción en decepción, sen atopar a conciencia do que somos e a potencia histórica da nosa loita coma unha única clase mundial.

1 Comment

Leave a Comment

Your email address will not be published. Required fields are marked *